Memoria do silencio

xoves, 2 de xullo de 2020

Memoria do silencio


Unha das lecturas máis exitosas deste curso foi a historia das irmás Touza, que salvaron moitas vidas do holocausto ao formaren parte desde Ribadavia dunha rede internacional de fuxida da barbarie nazi. Por iso o noso club quixo realizar un convite para atoparnos coa autora desta marabillosa novela. Lamentablemente, foi apenas uns días antes da suspensión das aulas por mor da pandemia. Pero queda feito para o vindeiro curso. 
Eva Mejuto, por favor, ven polo Cova!


O Cova Terreña Na beira do Nilo

O pasado 5 de marzo recibimos a visita de Xavier Frías, investigador, lingüista e escritor do que lemos a novela Na beira do Nilo. 
Tres das lectoras da novela, parte do club "A cova dos libros" -Marta, Mariña e Leire- exerceron de presentadoras do acto.

Xavier de seguido captpu a atención de todo o auditorio respontando ás curiosidades que xurdiron da lectura da súa novela. Soubemos que foi o libro ao que máis tempo lle dedicou na súa vida, como escolleu ao deus Horus e o templo de Edfú para ambientar as aventuras de Antup despois de namorarse de Exipto nunha viaxe que fixo de ben novo
 

Despois de nos explicar todo o proceso da escritura da novela, e a través das preguntas do alumnado, charlamos sobre as linguas, a sorte de falarmos galego e a porta da lusofonía, sobre lugares e culturas próximas e distantes... unha gozada de conversa toda a partir da lectura desta aventura do rapaz exipcio que busca o seu destino. Graciñas por nos visitares, Xavier! 

Aquí as lectoras e lector de Na beira do Nilo co autor.

luns, 2 de marzo de 2020

Encontro con XAVIER FRÍAS


O vindeiro xoves 5 de marzo visítanos o escritor e e lingüista Xavier Frías, que nos falará da súa novela de aventuras ambientada no antigo Exipto Na beira do Nilo, obra que lemos nos clubs de lectura.
Ademais, o autor ha de nos falar da súa faceta como escritor en galego, portugués e castelán, e de todas as súas experiencias como falante de 10 linguas, viaxeiro e tradutor. 
O encontro será co clunb de lectura e 3ESO A/B no salón de actos, ás 13:10. Para non perder!



luns, 10 de febreiro de 2020

Aquí estamos!

Ei xente! Aquí estamos as lectoras e lectores do Cova. Pasamos medio ano con dificultades por mor das obras pero isto non repeleu o noso apetito lector. Comezamos cun clásico como A rateira, de Agatha Christie, e xa nos fixemos con moitas novidades para ir lendo, falando, soñando e vivindo... e ademais sabemos que vai vir algún autor/a a visitarnos!!

Felices lecturas!!

martes, 2 de xullo de 2019

Despedida e peche (ata o curso que vén!)

Despois dun curso de lecturas ben interesantes fixemos unha festa de despedida como cumpría. As nosas últimas lecturas foron Penúltimas tendencias, de Carlos Negro, para o Club das poetas vivas, e para as lectoras de narrativa que chegaron con folgos ao mes de xuño escollemos Un mostro vén a verme, de Patrick Ness.
Daquela, xa no última semana do curso, quedamos pola tarde para facer sesión de cine e libros todos, xuntos, tanto as persoas que leran como as demais integrantes dos clubs... e emocionámonos moito coa peli de J.A. Bayona


Pero non só houbo peli, xa que se trataba da última reunión. Acompañamos as escenas de pizza e palomitas, e rematamos facendo balance de todo o curso de lecturas. Ao final, cada unha das persoas participantes recibiu unha bolsa agasallo cun diploma, a axenda escolar do vindeiro curso en exclusiva, un boli e mais unha foto do club.

Arriba, todos os que vimos a peli (faltaron Luna, Carolina e Inés) e á esquerda Leire e Sara coa dire Isabel, que lles entregou un chisco antes o agasallo porque tiñan que marchar.







Así que agora... felices lecturas de verán mentres imos maquinando nos clubs que han de vir!!

Literatura e cine: O neno do pixama a raias

Despois de que dous dos nosos clubs leran este clásico moderno, fixemos unha sesión de cine, libros e palomitas o 28 de maio. A peli gustounos moito, como acreditan aquí as nosas lectoras metidas agora a críticas cinematográficas:








Xa temos logo!

Durante o mes de maio, as nosas lectoras foron ideando varios logos para identificarnos dentro das moitas actividades que desenvlve o Cova Terreña. Ao final escollemos este, deseñado por Celia Durán. Parabéns á creadora da nosa imaxe!